lunes, 3 de septiembre de 2012

LEI DA FAMILIA ... RANCIA E TRADICIONAL

LEI DE APOIO Á FAMILIA E A CONVIVENCIA EN GALICIA

Acabo de entrar en vigo a lei de apoio á familia e a convivencia en Galicia, tamén coñecida como a lei da familia, unha lei polémica desde a súa redacción polas finalidades non moi claras que se derivan da súa lectura, e inspirada toda ela dun sentimentalismo relixioso que parece pretender a volta aos tempos nos que a muller quedaba na casa ao coidade dos nenos e dos maiores, mentres era o marido o que tiña o traballo remunerado e o único que traia cartos a casa.

A exposición de motivos da lei comeza dicindo que "Galicia ten unha gravísima retracción da natalidade e un alarmante avellentamento da poboación, que dificulta as posibilidades de renovación xeracional e, en consecuencia o mantemento do estado de benestar acadado e o seu desenvolvemento". E continua " que o cambio demográfico esixe que se fagan máis esforzos para o aqueles homes e mulleres que queiran traballar e crear unha familia poidan ter fillos sen ter que sacrificar por elo as súas carreiras, fomentando a igualdade de xénero e facilitando a conciliación entre a actividade profesional, familia e vida privada, tendo en conta a participación equitativa dos pais na organización familiar".

Visto así atopamos unha boa intención para mellorar o estado da natalidade en Galicia, pero se continuamos coa lectura da lei atopamos que a mesma non vai máis alá,e que moitas das medidas que se adoptan para facer fronte ao reparto desigual das obrigas familiares que repercute directamente na igualdade real entre mulleres e homes son papel mollado que pola falta de concreción coa que están redactadas non pasarán de ser palabras para unha lei que ten por finalidade perpetuar os roles tradicionais de mulleres e homes, como compoñentes da familia tradicional, moita prole para perpetuar o sistema imperante e, como non, heterosexual, tal e como se desprende da utilización reiterada da dicotomía entre institución familiar e os chamadas "grupos de convivencia" ou "núcleos de convivencia".

Respecto á conciliación familiar, laboral e persoal recolle entre outras medidas " a implicación en termos de igualdade dos homes e das mulleres no coidado, atención e desenvolvemento da familia, promovendo a voluntaria corresponsabilidade das tarefas e obrigas famliares, respectando o libre acordo das partes da distribución das mesmas". E aí está o esforzo máximo que atoparemos para a corresponsabilidade nas tarefas domésticas, unha voluntaria corresponsabilidade, sen máis nin máis.

Co tema do aborto, sen embargo, a lei mostra a súa postura claramente antiabortista xa que o capítulo VI do título I está dedicado íntegramente "a protección da maternidade, mediante o apoio e protección a muller xestante", e a lei prevé a realización de campañas de sensibilización destinadas a concienciación social da importancia da maternidade, ao fomento da natalidade e a protección do dereito a vida en formación.

Consideremas que esta lei está a fomentar unha involución dos dereitos das mulleres en Galicia, facendo que o importante sexa ser nai antes que muller,  eliminando o noso dereito a decidir sobre o aborto, pechando as portas da liberdade sobre cando, como e con quen ser nais; facendo invisibles discriminación e ataques cos que día a día somos atacadas as mulleres, ou tratando de silenciar aos novos tipos de familias que están presentes na nosa comunidade e que son e se senten tan familias como calquera outra, aínda que non cadren no ámbito de aplicación desta lei.

Por todo isto non deixaremos de loitar para facer reais os dereitos de igualdade, berrando forte para que non se nos arrebate nin un pouco da liberdade que nos corresponde por ser mulleres, sinalando as discriminacións e pedindo a derogación de leis como esta!


No hay comentarios:

Publicar un comentario